Mobile Software Developer (MSD)
Programador de aplicacións de dispositivos móbiles

Definición e funcións

Profesional que constrúe aplicacións nativas ou ámbitos multiplataforma para dispositivos móbiles, tanto locais coma a parte cliente de arquitecturas cliente/servidor.

Este perfil é de aplicación para todos os profesionais responsables, nos aspectos técnicos fundamentalmente, xa que non contempla os aspectos de deseño gráfico e outros relacionados, da construción de aplicacións nativas para dispositivos móbiles, que dende unha visión global do desenvolvemento de software, contan cuns coñecementos específicos (principalmente, tipos de comunicacións sen fíos, tipos de dispositivos móbiles, alternativas de desenvolvemento de aplicacións móbiles, peculiaridades dos desenvolvementos móbiles, problemáticas específicas de seguridade e privacidade en dispositivos móbiles) para levar a cabo as actividades necesarias para obter produtos con suficiente garantía profesional de calidade.

Competencias desenvolvidas

  • Capacidade para proxectar aplicacións nativas para dispositivos móbiles dentro do contexto de Internet, e, polo tanto coñecemento das tecnoloxías e os protocolos de redes, e os modelos de compoñentes, de software intermediario e servizos.
  • Capacidade para modelar, definir a arquitectura, deseñar, implementar, probar, distribuír, administrar e manter aplicacións nativas para dispositivos móbiles como sistemas informáticos incrustados e ubicuos.
  • Capacidade para asegurar, xestionar, auditar e certificar a calidade dos desenvolvementos de aplicacións para dispositivos móbiles.
  • Capacidade para propoñer e avaliar diferentes alternativas tecnolóxicas para resolver un problema no ámbito da computación con dispositivos móbiles.
  • Capacidade de traballo en equipo e de resolver problemas en contextos amplos e multidisciplinarios.
  • Capacidade de auto-aprendizaxe e adaptación continua ás novidades tecnolóxicas.
  • Capacidade para traballar con criterios analíticos, obxectivos e metodolóxicos.
  • Discernir e aplicar os aspectos legais e de privacidade relevantes en cada caso.

Actividades realizadas

  • Establecer o contexto tecnolóxico máis axeitado para un determinado proxecto de desenvolvemento móbil como parte dun sistema de computación en rede, e determinar a viabilidade, os riscos e a planificación para un ecosistema de execución concreto.
  • Manterse actualizado en canto aos diferentes tipos e características xerais dos dispositivos móbiles de computación do mercado, as súas interfaces e os seus compoñentes auxiliares, e interpretar correctamente as especificacións técnicas dos diferentes compoñentes.
  • Establecer cando é conveniente a adaptación ou creación dunha aplicación web para dispositivos móbiles, e cando hai que facer un desenvolvemento dunha aplicación móbil nativa, determinando en cada caso o ámbito de desenvolvemento máis axeitado.
  • Aplicar métodos específicos de desenvolvemento de aplicacións móbiles para a planificación, toma de requisitos, definición da arquitectura, especificación, deseño, implementación, probas e mantemento, así como deseñar sobre a base de compoñentes, incluíndo o contexto de execución, e especificar os requirimentos de execución.
  • Determinar a estratexia máis axeitada para afrontar a fragmentación no desenvolvemento de aplicacións móbiles.
  • Utilizar un ou máis ámbitos de desenvolvemento de aplicacións móbiles, usando os diversos servizos que ofrecen.
  • Utilizar axeitadamente diferentes linguaxes de programación de dispositivos móbiles, así como bibliotecas xerais ou específicas para o desenvolvemento de aplicacións móbiles.
  • Utilizar ferramentas de desenvolvemento, depuración, firma, versionado, publicación, distribución e seguimento.
  • Aplicar os conceptos básicos de seguridade, para determinar os riscos potenciais dunha aplicación móbil por capas (hardware, SO, aplicación e usuario) e así tomar as medidas paliativas recomendadas e mecanismos de prevención correspondentes.
  • Dirimir correctamente as cuestións relativas á privacidade e os aspectos legais relacionados coas aplicacións móbiles e o seu contexto de execución ou explotación.